miércoles, 21 de enero de 2015

CONVOCATORIA PROBA PARA A OBTENCIÓN DO TÍTULO DE GRADUADO EN ESO PARA MAIORES DE 18 ANOS

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Convocar as probas para a obtención do título de graduado en educación secundaria no ano 2015, conforme se dispón nas epígrafes seguintes:

Primeira. Condicións das persoas aspirantes
Poderán participar nestas probas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Teren cumpridos os dezaoito anos o día anterior á data de realización da proba.
2. Non estaren en posesión do título de graduado en educación secundaria.
3. Non estaren inscritas para a superación das materias de 4º curso de educación secundaria obrigatoria establecidas no artigo 7, ordinal 5º da Orde do 21 de decembro de 2007 (DOG do 7 de xaneiro de 2008).
4. Non estaren nin teren estado matriculadas no curso 2014/15 nas ensinanzas de educación secundaria ordinaria ou no segundo curso dun programa de cualificación profesional inicial.
5. O alumnado matriculado durante o curso 2014/15 na educación secundaria para persoas adultas poderá inscribirse nas probas se previamente cumpre as seguintes condicións:
5.1. Para acudir á primeira convocatoria, o alumnado ten que solicitar a baixa nas ensinanzas do segundo cuadrimestre. Así mesmo, as persoas con ámbitos do primeiro cuadrimestre sen superar deberán renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
5.2. Para inscribirse na segunda convocatoria, o alumnado con ámbitos suspensos no segundo cuadrimestre ten que renunciar á avaliación extraordinaria deses ámbitos.
O incumprimento dalgún destes requisitos suporá a anulación da inscrición na convocatoria das probas e dos posibles resultados académicos obtidos nelas.
Segunda. Forma, lugar e prazos de presentación
1. Os prazos de matrícula serán:
– Convocatoria de maio: 16 de marzo ao 27 de marzo de 2015, ambos os dous incluídos.
– Convocatoria de setembro: 1 ao 10 de xullo de 2015, ambos os dous incluídos.
As persoas matriculadas para a primeira convocatoria, se non superan a totalidade dos ámbitos da proba, consideraranse matriculadas para a segunda convocatoria sen que teñan que presentar nova documentación.
2. As solicitudes de inscrición deberán presentarse en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado que figura como anexo I, dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es
Realización das probas
1. As probas realizaranse en sesións de mañá e tarde os días 29 de maio e 9 de setembro para as respectivas convocatorias.
2. Entre as 8.30 e as 9.00 horas iniciarase o chamamento para o acceso aos espazos de realización da proba.
3. A sesión da mañá terá dúas partes: na primeira, das 9.30 ás 12.00 horas, realizarase a proba do ámbito científico-tecnolóxico, que inclúe exercicios das materias de Matemáticas, Ciencias da Natureza, Bioloxía e Xeoloxía, Física e Química e Tecnoloxía, así como aspectos relacionados coa saúde e o medio natural recollidos no currículo de Educación Física.
Na segunda parte, das 12.15 ás 13.15 horas, realizarase a proba do ámbito social, que inclúe exercicios das materias de Ciencias Sociais, Xeografía e Historia, Educación para a cidadanía e aspectos perceptivos correspondentes ás materias de Educación Plástica e Visual, e Música.
Na sesión da tarde, das 16.00 ás 19.00 horas, realizarase a proba do ámbito da comunicación. Comprenderá os exercicios de:
a) Lingua Galega e Literatura.
a.1) Exercicio de redacción. Na valoración da redacción, terase en conta o xeito de estruturar os datos e os feitos, a coherencia da exposición, o vocabulario empregado, o dominio da ortografía e a presentación do escrito.
a.2) Cuestións de Lingua Galega e Literatura.
b) Lingua Castelá e Literatura.
b.1) Exercicio de redacción. Realizarase conforme o disposto no punto a.1) para Lingua Galega e Literatura.
b.2) Cuestións de Lingua Castelá e Literatura.
c) Lingua estranxeira (Inglés ou Francés).
4. Seguindo as indicacións do equipo directivo dos centros onde se realizan as probas, o profesorado terá que colaborar nas tarefas de vixilancia dos exames.