miércoles, 14 de enero de 2015

AXUDAS PARA EMPRESAS DE APROVEITAMENTOS FORESTAIS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL E DO MAR


Obxecto
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases que regulan as axudas para a creación e mellora de empresas de aproveitamentos forestais que sexan pemes pero non teñan a condición de microempresa e proceder á súa convocatoria para o ano 2015 en réxime de concorrencia competitiva.
2. Estas axudas ampáranse no Real decreto 752/2010, do 4 de xuño, polo que se aproba o primeiro Programa de desenvolvemento rural sostible para o período 2010-2014, en aplicación da Lei 45/2007, do 13 de decembro, para o desenvolvemento sustentable do medio rural, así como no artigo 14, axudas rexionais ao investimento, do Regulamento (UE) 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axudas compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado (DOUE 26.06.2014, L187/1), excepto as axudas aos conceptos indicados no artigo 2.2.b)2º que se ampararán no Regulamento (UE) 1407/2013 da Comisión, do 18 de decembro, relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea ás axudas minimis (DOUE 24.12.2013, L352/1).
Beneficiarios
Os beneficiarios deberán cumprir os seguintes requisitos:
a) Ser peme (pequena e mediana empresa) do sector forestal radicada en Galicia e non ter a condición de microempresa. Tomarase a definición de microempresa ou peme incluída no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 da Comisión, do 17 de xuño de 2014. Segundo esta definición, pemes son aquelas empresas que ocupan menos de 250 persoas e cuxo volume de negocios anual non excede 50 millóns de euros ou cuxo balance xeral anual non excede 43 millóns de euros, pequenas empresas son aquelas empresas que ocupan menos de 50 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 10 millóns de euros e microempresas son aquelas empresas que ocupan menos de 10 persoas e cuxo volume de negocios anual ou cuxo balance xeral anual non supera os 2 millóns de euros.
b) Acreditar a súa viabilidade económica mediante algunha das seguintes circunstancias:
– Dispoñibilidade de crédito bancario para o investimento, dun mínimo do 70 % do importe deste.
– Vendas por importe superior ao triplo do investimento (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
– Amortizacións máis beneficios superior á sexta parte dos investimentos (no imposto de sociedades ou declaración anual do IRPF, segundo proceda, ou na declaración anual do IVE).
– Contratos de venda ou prestación de servizos por importe superior ao investimento.
– Estudo de viabilidade asinado por profesional cualificado.
c) Deberán cumprir a normativa ambiental, que se acreditará coa presentación do documento de alta no imposto de actividades económicas (IAE) (ou certificación da Axencia Tributaria relativa a este) e unha declaración xurada do solicitante de que a empresa cumpre coa normativa ambiental.
d) Deberán ter un seguro en vigor de responsabilidade civil para a actividade obxecto de subvención e un contrato de prevención de riscos laborais.
e) Deberán ter, polo menos, o 33 % do cadro de persoal da empresa con contratos por tempo indefinido. Para as empresas de nova creación abondará o compromiso de acadar, como mínimo, o 33 % de estabilidade laboral ao remate do prazo concedido para xustificar o investimento. Non será necesario cumprir este requisito nas subvencións inferiores a 60.102 euros. As empresas xa existentes deberán comprometerse, igualmente, a acadar a mesma porcentaxe mínima de estabilidade laboral respecto das novas contratacións que, se é o caso, deriven do proxecto de investimento que se subvencione.
f) Non poderán ser beneficiarios aquelas empresas que entren dentro da categoría de empresas en crise, de acordo coa definición do artigo 2, punto 18 do Regulamento (UE) nº 651/2014. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas empresas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión da Comisión que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.
g) A súa razón social deberá estar establecida nalgún concello das zonas rurais indicadas no anexo III.
Prazo de solicitude: ata o 14 de febreiro de 2015.