lunes, 29 de diciembre de 2014

SUBVENCIÓNS ÁS ACTIVIDADES DE DISTRIBUCIÓN PARA INDUSTRIAS CULTURAIS

AXENCIA GALEGA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS


Obxecto 
1. Esta resolución, no desenvolvemento das funcións e obxectivos encomendados e previstos na Lei 4/2008, do 23 de maio, de creación da Axencia Galega das Industrias Culturais, ten por obxecto fixar as bases que regularán o réxime de subvencións establecidas pola Agadic para promover a distribución exterior e interior de bens e servizos culturais producidos por empresas e/ou compañías ou grupos profesionais con sede na Comunidade Autónoma de Galicia, coa excepción das asociacións e entidades sen fins de lucro.
2. Estas subvencións son incompatibles con outras axudas polo mesmo proxecto da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, ou de calquera organismo dependente
3. Estas subvencións son compatibles con outras axudas polo mesmo proxecto do resto da Administración da Xunta de Galicia e organismos dependentes, así como doutras administracións públicas e entidades públicas ou privadas, e con outros ingresos ou recursos para a mesma finalidade. A suma das distintas axudas públicas para a mesma finalidade non pode superar o 100 % do custo da actividade subvencionada.
4. As axudas deberán cumprir as condicións de exención e os límites do artigo 3 do Regulamento (UE) nº 1407/2013 (DOUE 24.12.2013, L352/1), relativo á aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado de funcionamento da Unión Europea ás axudas de mínimis.
 O importe total das axudas de mínimis concedidas por un Estado membro a unha única empresa non excederá dos 200.000 euros durante calquera período de tres exercicios fiscais.
Beneficiarios e modalidades da subvención. Requisitos
1. Poden solicitar as distintas modalidades de subvención as entidades que a continuación se sinalan, para actividades que se leven a cabo entre o 1 de novembro de 2014 e o 31 de outubro de 2015:
Modalidade A.1: subvencións para a distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais fóra de Galicia. Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas ou musicais con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución a nivel nacional ou internacional consistente na realización dun mínimo de tres funcións/concertos e en ningún caso máis de oito no mesmo espazo.
Modalidade A.2: subvencións para a representación de espectáculos de artes escénicas ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia. Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas e musicais, con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a exhibición de espectáculos e/ou concertos en feiras e festivais fóra de Galicia.
Modalidade A.3: subvencións para a asistencia a feiras e mercados culturais fóra de Galicia. Beneficiarios: persoas físicas e/ou xurídicas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais con sede social ou establecemento permanente en Galicia, para a asistencia a feiras ou mercados culturais fóra da Comunidade Autónoma galega.
Modalidade A.4: subvencións para a distribución de espectáculos escénicos no territorio da comunidade autónoma. Beneficiarios: persoas físicas e xurídicas dedicadas profesionalmente á actividade de produción e distribución de espectáculos de artes escénicas, con sede social ou establecemento permanente na Comunidade Autónoma de Galicia. Poderán acollerse a esta modalidade empresas que presenten un proxecto de distribución pola Comunidade Autónoma de Galicia consistente na realización dun mínimo de cinco representacións de artes escénicas. En ningún caso máis de catro representacións nun mesmo espazo.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarias as persoas ou entidades en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. En todo caso, os solicitantes presentarán unha declaración responsable de non estaren incursos en tales circunstancias, consonte o modelo establecido no anexo I desta convocatoria.
Prazo de presentación das solicitudes
1. O prazo para a presentación das solicitudes será dende o día seguinte á data de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, e ata o 31 de agosto de 2015.
2. Se a solicitude non está debidamente cuberta, non se achega a documentación exixida ou non se reúnen os requisitos sinalados na normativa da convocatoria ou os que, con carácter xeral, se indican no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o interesado será requirido para que no prazo de 10 días hábiles, contados desde o día seguinte ao da notificación do requirimento, emende o defecto advertido, a falta detectada ou presente os documentos preceptivos, e indícase ademais que, de non o facer, se considerará que desiste na súa petición, logo de resolución que declarará esta circunstancia e que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da dita lei, segundo o previsto no artigo 71.