miércoles, 10 de diciembre de 2014

PLAN I2C.-AXUDAS Á ETAPA PREDOUTORAL DO PLAN GALEGO DE INVESTIGACIÓN

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 28 de novembro de 2014 pola que se establecen as bases para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, das axudas de apoio á etapa predoutoral do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C) para o ano 2014, e se procede á súa convocatoria.

Obxecto
Esta orde establece as bases reguladoras e a convocatoria das axudas de apoio á etapa predoutoral da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva, do Plan galego de investigación, innovación e crecemento 2011-2015 (Plan I2C), e procede á súa convocatoria. O obxecto do Programa de apoio á etapa predoutoral é outorgar axudas ás universidades do SUG que contraten persoas tituladas superiores para a súa formación como doutores e doutoras nos seus centros, nas seguintes modalidades:
– Modalidade A: Axudas de carácter xeral de apoio á etapa predoutoral.
– Modalidade B: Axudas de carácter específico de apoio á etapa predoutoral no ámbito do Campus de Excelencia Internacional «Campus do Mar».
– Modalidade C: Axudas de carácter específico de apoio á etapa predoutoral no ámbito do Campus de Excelencia Internacional «Campus Vida».
Beneficiarios
1. Poderán ser beneficiarias das axudas desta convocatoria as universidades do SUG que contraten as persoas seleccionadas a través dun contrato predoutoral de duración determinada e con dedicación a tempo completo, en virtude do cal a persoa seleccionada quedará vinculada á universidade onde desenvolva a súa actividade, asumindo ambas as dúas partes as obrigas contractuais que deriven del e que, en todo caso, se adecuarán ao contido da solicitude de axuda. A duración do contrato será dun ano, prorrogable ata un máximo de tres, logo do informe favorable da comisión académica do programa de doutoramento.
2. Poderán acceder a estas axudas as universidades do SUG que presenten como candidatas a ser destinatarias delas persoas que cumpran na data de peche da convocatoria os seguintes requisitos:
a) Ter nacionalidade dun Estado membro da Unión Europea. Non obstante, as persoas non comunitarias poderán ser candidatas á axuda aínda que para formalizar o contrato deberán contar cos permisos necesarios de permanencia no país. O número máximo de axudas que se concedan a cidadáns non comunitarios é o que se indica no artigo 3 desta orde para cada unha das diferentes modalidades.
b) Estar matriculadas nun programa oficial de doutoramento dunha universidade do SUG para o curso 2014/15. No caso da modalidade B unicamente serán válidas as matrículas no Programa de doutoramento en Ciencia, Tecnoloxía e Xestión do Mar (Do*Mar). No caso da modalidade C só serán válidas as matrículas nun programa de doutoramento dos definidos polas universidades para o Campus Vida.
c) A data de finalización dos estudos para a obtención do título universitario de licenciado/a, graduado/a ou equivalente que deron acceso aos estudos de máster universitario debe ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2010. Enténdese como data de finalización dos estudos a de superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2008 nos seguintes casos:
– Os/as licenciados/as ou graduados/as en Medicina, Farmacia, Bioloxía, Química ou Psicoloxía que na data de peche do prazo de presentación de solicitudes estean en posesión do título oficial de especialidade médica (MIR) ou farmacéutica (FIR) ou conten co certificado oficial de especialidade en Bioloxía (BIR), Química (QUIR) ou Psicoloxía (PIR).
– As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2008 e o 31 de decembro de 2009.
– As persoas candidatas que posúan unha discapacidade igual ou superior ao 50 por cento.
No caso dos estudantes que accedan ao doutoramento cunha titulación oficial española dunha ordenación universitaria anterior ao Real decreto 1393/2007 (licenciado, graduado ou equivalente) e que teñan superado 300 ECTS, dos cales 60 ECTS do segundo ciclo sexan recoñecidos polas súas universidades como equivalentes á formación de máster universitario, segundo os acordos sobre recoñecemento da equivalencia das titulacións anteriores ao Real decreto 1393/2007 para os efectos do acceso aos estudos oficiais de doutoramento aprobados polas universidades do SUG, a data de finalización dos estudos deste título universitario de licenciado/a, graduado/a ou equivalente debe ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2012. Enténdese como data de finalización dos estudos a de superación da última materia para os completar. Esta data poderá ser igual ou posterior ao 1 de xaneiro de 2010 nos seguintes casos:
- Os/as licenciados/as ou graduados/as en Medicina, Farmacia, Bioloxía, Química ou Psicoloxía que, na data de peche do prazo de presentación de solicitudes, estean en posesión do título oficial de especialidade médica (MIR) ou farmacéutica (FIR) ou conten co certificado oficial de especialidade en Bioloxía (BIR), Química (QUIR) ou Psicoloxía (PIR).
- As persoas candidatas que acrediten fidedignamente que se atopaban de baixa maternal ou que tiñan a cargo menores de tres anos entre o 1 de xaneiro de 2010 e o 31 de decembro de 2011.
- As persoas candidatas que posúan unha discapacidade igual ou superior ao 50 por cento.
d) Contar no expediente académico da titulación con que se accede á presente convocatoria cunha nota media igual ou superior a 7. Para as titulacións de Enxeñaría e Arquitectura a media deberá ser igual ou superior a 6. Esta media calcularase segundo as indicacións do artigo 4.4.e).
3. Non se admitirán como candidatas a ser destinatarias destas axudas persoas que estean en posesión do título de doutor nin persoas que fosen seleccionadas ou contratadas noutras convocatorias de recursos humanos homologables (bolsas/contratos predoutorais ou equivalentes), agás as axudas predoutorais da propia universidade, ás cales terán que renunciar no caso de resultar seleccionadas.
Prazo de solicitude:  O prazo de presentación de solicitudes comezará a partir do día seguinte ao de publicación desta orde no DOG e finalizará o día 16 de xaneiro de 2015.