martes, 5 de agosto de 2014

AXUDAS ECONÓMICAS DESTINADAS A FOMENTAR O ASOCIACIONISMO E A PARTICIPACIÓN DAS MULLERES

VICEPRESIDENCIA E CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA


Obxecto
1. A presente resolución ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria, para o ano 2014, de axudas económicas en favor das asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, coa finalidade de fortalecer e consolidar o movemento asociativo e potenciar a participación social e a calidade de vida das mulleres galegas, a través das seguintes liñas:
a) Liña 1: consolidación do movemento asociativo, destinada a compensar gastos correntes que orixine o mantemento e funcionamento das asociacións de mulleres e as súas federacións.
b) Liña 2: promoción de accións de sensibilización, información ou formación en materia de igualdade entre mulleres e homes.
c) Liña 3: promoción de accións de prevención da violencia de xénero así como de atención (protección, asistencia e/ou acompañamento) a mulleres que a sofren, destinada a compensar gastos correntes e/ou de persoal producidos polo desenvolvemento de programas dirixidos a calquera destas finalidades.
2. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade, non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Administración da Xunta de Galicia e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas previstas nesta convocatoria as asociacións de mulleres e federacións constituídas por estas, domiciliadas na Comunidade Autónoma de Galicia, sen ánimo de lucro, que estean legalmente constituídas ao abeiro da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, e inscritas no Rexistro Único de Entidades Prestadoras de Servizos Sociais, na área de actuación de igualdade.
2. Para os efectos desta convocatoria é compatible a solicitude de subvención por parte dunha asociación coa pertenza a unha federación que, así mesmo, solicite a subvención.
3. Tanto no caso das asociacións como das federacións as mulleres socias representarán, polo menos, o 90 % da totalidade das persoas asociadas.
Prazo de solicitude: ata o 1 de setembro de 2014.