martes, 8 de julio de 2014

PROGRAMA PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DE PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO E PROGRAMA DE SUBVENCIÓNS ÁS UNIDADES DE APOIO Á ACTIVIDADE PROFESIONAL

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto:  Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2014 das subvencións establecidas pola Consellería de Traballo e Benestar, coa finalidade de promover a integración laboral das persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego da Comunidade Autónoma de Galicia, a través dos seguintes programas:
– Programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego (anexo A).
– Programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego (anexo B).
A xestión destes programas realizarase de acordo cos seguintes principios:
a) Publicidade, transparencia, concorrencia, obxectividade, igualdade e non discriminación.
b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados pola Consellería de Traballo e Benestar.
c) Eficiencia na asignación e utilización dos recursos públicos.
As bases específicas de cada un dos programas regúlanse nos correspondentes anexos A e B desta orde e forman parte integrante dela.
Entidades beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, e a súa organización e funcionamento (DOG nº 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos para cada tipo de axuda.
2. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria das subvencións establecidas nesta orde as persoas ou entidades en que concorran as circunstancias previstas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
Non poderán acceder á condición de entidade beneficiaria as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, publicas ou privadas sen personalidade, cando concorra algunha das prohibicións anteriores en calquera dos seus membros.
En ningún caso poderán obter a condición de entidade beneficiaria as asociacións incursas nas causas de prohibición previstas nos números 5 e 6 do artigo 4 da Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación, nin as asociacións respecto das cales se suspendeu o procedemento administrativo de inscrición por se atoparen indicios racionais de ilicitude penal, en aplicación do disposto no artigo 30.4 da Lei orgánica 1/2002, en canto non se dite resolución xudicial firme en cuxa virtude se poida practicar a inscrición no correspondente rexistro.
3. Non poderán obter a condición de entidade beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
4. A xustificación por parte das persoas ou entidades beneficiarias de non estaren incursas nas prohibicións contidas nos números 2 e 3 anteriores para obter a condición de beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.
Prazo de solicitude:
 As solicitudes do programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, regulado no anexo A desta orde, poderán presentarse ata o 30 de setembro de 2014.
As solicitudes de subvención para adaptación de postos de traballo presentaranse con anterioridade á realización da adaptación. Non obstante, as solicitudes polas adaptacións de postos de traballo realizadas entre o 1 de outubro de 2013 e a data de publicación desta orde poderán presentarse no prazo dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
O prazo de presentación de solicitudes do programa de subvencións ás unidades de apoio á actividade profesional, no marco dos servizos de axuste persoal e social dos centros especiais de emprego, regulado no anexo B desta orde, será dun mes contado a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.