jueves, 26 de junio de 2014

SUBVENCIÓNS PARA IMPLANTAR A RESPONSABILIDADE SOCIAL EMPRESARIAL E A IGUALDADE NAS PEMES.

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto
Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras para a concesión de axudas para o ano 2014, en réxime de concorrencia competitiva, a pequenas e medianas empresas (pemes), no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para implantar a responsabilidade social empresarial (RSE) e para o fomento da igualdade laboral a través da implantación de plans de igualdade, da eliminación da infrarrepresentación feminina ou da garantía da conciliación da vida familiar e laboral.
Liñas e programas
1. Esta orde cubre as accións que se realizarán entre o día 1 de xaneiro de 2014 e a data de remate do prazo de xustificación destas axudas.
2. As actuacións subvencionables desagréganse nas liñas, I e II, e nos programas que se especifican a continuación:
Liña I (TR357B). Axudas para implantar a RSE nas empresas galegas.
Mediante esta liña subvencionarase a formación de persoal das empresas en materia de responsabilidade social empresarial. O obxecto desta formación é capacitar o persoal das empresas galegas para que elaboren a memoria de sustentabilidade ou memoria de RSE.
Liña II (TR357C). Axudas para o fomento da igualdade laboral.
Programa 1. Axudas para a implantación de plans de igualdade nos termos e nos ámbitos definidos na Lei 2/2007, de traballo en igualdade das mulleres de Galicia, tanto de xeito voluntario como en cumprimento da obriga establecida nun convenio colectivo de ámbito superior á empresa. Polo tanto, non será de aplicación ás empresas coa obriga legal de implantar plans de igualdade, segundo o establecido no artigo 45.2 da Lei orgánica 3/2007, do 22 de marzo.
Programa 2. Axudas para investimentos tendentes á eliminación da infrarrepresentación feminina nos eidos laborais ocupados predominantemente por homes.
Programa 3. Axudas para os investimentos tendentes a garantir e mellorar o dereito á conciliación da vida familiar e laboral.
Prazo de solicitude: ata o 26 de xullo de 2014.