jueves, 26 de junio de 2014

PROGRAMA DE INCENTIVOS PARA PROMOVER A AFILIACIÓN Á SEGURIDADE SOCIAL DAS MULLERES COTITULARES OU TITULARES DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


 Obxecto 
O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras do Programa de incentivos para promover a afiliación á Seguridade Social das mulleres cotitulares e titulares de explotacións agrarias de Galicia, coa finalidade de promover a creación do emprego e a mellora laboral no agro galego, facilitando mediante incentivos a súa alta na Seguridade Social, e proceder á súa convocatoria para o ano 2014.
Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias deste programa as mulleres, dedicadas ou incorporadas á actividade agraria incluídas nalgún dos seguintes colectivos e que cumpran os requisitos previstos para cada suposto:
1. Mulleres incorporadas ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, sempre que reúnan os seguintes requisitos:
a) Que a súa incorporación se produza a partir do 1 de outubro de 2013 e ata o 30 de setembro de 2014.
b) Ter cincuenta ou menos anos de idade na data da dita incorporación.
c) Que sexan cónxuxes ou descendentes da persoa titular da explotación agraria, sempre que este estea dado de alta nos citados réxime e sistema especiais.
d) Que sexan beneficiarias da redución do 30 por cento das cotas á Seguridade Social establecida na disposición adicional primeira da Lei 18/2007, modificada e ampliada pola Lei 35/2011, do 4 de outubro.
2. Mulleres de cincuenta ou menos anos de idade na data de alta na Seguridade Social incorporadas a partir do 1 de outubro de 2013 e ata o 30 de setembro de 2014 ao réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos a través do sistema especial para traballadores por conta propia agrarios, titulares de explotacións agrarias nos seguintes supostos:
a) Que accedan á titularidade dunha explotación agraria en funcionamento que lles fose atribuída tras un proceso de separación ou divorcio.
b) Que accedan á titularidade dunha explotación agraria tras o falecemento, xubilación ou incapacidade recoñecida do seu cónxuxe, descendentes ou ascendentes por consanguinidade ou afinidade ata o segundo grao incluído.
c) Mulleres que se incorporen a unha explotación familiar en marcha, cando o seu cónxuxe cause baixa no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, por dedicarse a outra actividade e mentres este permaneza en situación de alta noutro réxime ou sistema da Seguridade Social.
Nestes casos, deberá producirse unha continuidade no funcionamento da explotación agraria de xeito que entre a data de alta no sistema especial da nova titular e a data do feito causante que determina o cambio de titularidade non transcorran máis de 12 meses.
3. Serán requisitos para poder acceder á condición de beneficiaria das axudas establecidas nesta orde que non estivesen de alta no sistema especial para traballadores por conta propia agrarios do réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, nos 6 meses inmediatamente anteriores ao mes da súa alta no sistema especial, nin percibisen subvencións ao abeiro deste programa de incentivos en anteriores convocatorias.
4. Non poderán ser beneficiarias do programa regulado nesta orde as persoas nas que concorran as circunstancias previstas no punto 2 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia
5. Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria cando estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o establecido nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
6. A xustificación por parte das persoas solicitantes de non estar incursas nas prohibicións, contidas nos puntos 4 e 5 anteriores, para obter a condición de beneficiaria realizarase mediante declaración responsable.
Prazos de solicitude:
a)Aquelas incorporacións ao réxime especial de traballadoras por conta propia ou autónomas a través do sistema especial para traballadoras por conta propia agrarias, realizadas a partir do 1 de outubro de 2013 e a data de publicación desta orde de axudas, o prazo para a presentación de solicitudes será de dous meses desde o día seguinte a publicación no Diario Oficial de Galicia desta orde.
b) Para as incorporacións posteriores a publicación da orde de convocatoria, dous meses desde a data da solicitude de alta na Seguridade Social.
Nos prazos específicos para a presentación das solicitudes de axudas, establecidos nesta orde, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da solicitude de alta na Seguridade Social. Se o último día de prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte, se no mes de vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.
O prazo xeral para a presentación de solicitudes de axudas rematará o 30 de setembro de 2014, aínda que non transcorresen os prazos específicos previstos.