jueves, 26 de junio de 2014

PROGRAMA DE INCENTIVOS ÁS EMPRESAS DE INSERCIÓN LABORAL E ÁS SÚAS ENTIDADES PROMOTORAS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto
 Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do programa de incentivos ás empresas de inserción laboral e ás súas entidades promotoras e proceder á súa convocatoria para o ano 2014, coa finalidade de promover a inserción sociolaboral das persoas en situación ou en risco de exclusión social mediante o establecemento de medidas de fomento das empresas de inserción laboral que teñan centros de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, co fin de que poidan cumprir a súa función social.
Entidades beneficiarias
1. Poderán ser beneficiarias das axudas reguladas nesta orde as entidades promotoras de empresas de inserción laboral e as empresas de inserción laboral que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nela para os distintos tipos de axudas.
2. Poderán solicitar e ser beneficiarias das axudas aquelas empresas que solicitasen, conforme o procedemento establecido para o efecto, a súa cualificación como empresa de inserción laboral. Non obstante, non se poderá proceder ao pagamento da axuda en canto non obteñan esa cualificación.
3. Non poderán obter a condición de beneficiarias das axudas establecidas nesta orde as entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
4. Non poderán obter a condición de beneficiarias as entidades solicitantes que estean excluídas do acceso aos beneficios derivados da aplicación dos programas de emprego, conforme o disposto nos artigos 46 e 46 bis do texto refundido da Lei de infraccións e sancións na orde social, aprobado polo Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto.
5. A xustificación por parte das entidades solicitantes de non estar incursas nas prohibicións contidas nos números 3 e 4 anteriores para obteren a condición de beneficiarias realizarase mediante declaración responsable.
Tipos de axuda
1. As empresas de inserción laboral poderán acceder aos seguintes tipos de axuda:
a) A contratación de persoas en situación ou en risco de exclusión social.
b) A contratación de xerentes ou persoas técnicas necesarias para garantir a viabilidade técnica, económica ou financeira da empresa de inserción laboral.
c) A contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción.
d) A realización de labores de mediación laboral para a contratación de persoas en inserción no mercado laboral ordinario.
e) A formalización de préstamos con entidades financeiras.
f) A creación e ampliación do cadro de persoal das empresas de inserción laboral.
g) O inicio e posta en marcha da actividade.
h) O fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral e asistencia técnica.
2. As entidades promotoras de empresas de inserción laboral poderán ser beneficiarias dos seguintes tipos de axuda:
a) A contratación de persoas técnicas expertas en accións de orientación e acompañamento á inserción.
b) O fomento de procesos de creación de empresas de inserción laboral.
Prazo de solicitude: 
O prazo de presentación das solicitudes das axudas previstas nesta orde rematará o 30 de setembro de 2014.