martes, 27 de mayo de 2014

PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DO EMPREGO AUTÓNOMO XOVES MENORES DE 30 ANOS

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto: Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do programa de promoción do emprego autónomo de persoas desempregadas xoves menores de 30 anos e proceder á súa convocatoria para o ano 2014.
A finalidade deste programa é promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas xoves desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como persoas traballadoras autónomas ou por conta propia.
Ao abeiro desta orde subvencionaranse as altas na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional que, cumprindo os requisitos e condicións establecidas nela, se formalicen desde o 1 de outubro de 2013 ata o 30 de setembro de 2014, ambos os dous inclusive.
Persoas beneficiarias:Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa as persoas xoves desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en persoas traballadoras autónomas ou por conta propia, e que desenvolvan a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia, sempre que, cumprindo as condicións establecidas para cada tipo de axuda, reúnan os seguintes requisitos:
– Ter menos de 30 anos de idade na data da presentación da solicitude.
– Darse de alta no réxime especial de autónomos ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional entre o 1 de outubro de 2013 e o 30 de setembro de 2014, ambos os dous inclusive, como titulares ou cotitulares do negocio ou explotación.
– Non ter percibido subvencións ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.
– Non ter desenvolvido como persoa traballadora autónoma a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos seis meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin ter estado de alta como persoa traballadora autónoma en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores. Para estes efectos, entenderase por mesma actividade a coincidencia no nivel de 3 díxitos da Clasificación nacional de actividades económicas (CNAE). Este requisito non se aplicará á persoa traballadora autónoma colaboradora.
 A persoa traballadora autónoma ou por conta propia poderá ser beneficiaria das axudas deste programa cando forme parte de comunidades de bens ou sociedades civís de nova creación, sempre que a solicite a título persoal. Neste caso, a comunidade de bens ou sociedade civil deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude de subvención.
Quedan excluídas deste programa as persoas socias de sociedades mercantís, cooperativas e sociedades laborais e os autónomos colaboradores.
Prazo de solicitude: O prazo para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo para xoves menores de 30 anos comezará o día seguinte á data de publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia e rematará o 30 de setembro de 2014.