lunes, 21 de abril de 2014

PROGRAMA PARA A PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE EN CENTROS ESPECIAIS DE EMPREGO

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras da subvención plurianual do custo salarial establecida pola Consellería de Traballo e Benestar para o mantemento dos postos de traballo ocupados por persoas con discapacidade nos centros especiais de emprego de Galicia, dentro do Programa para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego, e realizar a súa convocatoria en réxime de concorrencia non competitiva para o período desde o 1 de decembro de 2013 ata o 30 de xuño de 2015.
A finalidade desta subvención é axudar aos centros especiais de emprego a manter os postos de traballo dos traballadores e das traballadoras con discapacidade mediante o financiamento parcial dos seus custos salariais.
 Entidades beneficiarias das subvencións
1. Poderán ser entidades beneficiarias das subvencións que se regulan nesta orde os centros especiais de emprego que figuren inscritos como tales no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, de acordo co disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo, polo que se regula a autorización administrativa e a inscrición no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego de Galicia, a súa organización e funcionamento (DOG número 138, do 19 de xullo), sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde.
2. Poderán solicitar a subvención establecida nesta orde aquelas entidades que solicitasen a súa cualificación como centro especial de emprego. A subvención poderá concederse desde a data da solicitude de cualificación e, en todo caso, para o seu pagamento será necesario acreditar a dita cualificación e inscrición da entidade no Rexistro de Centros Especiais de Emprego da Comunidade Autónoma de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 21 de maio de 2014.