martes, 15 de abril de 2014

PROGRAMA INICIATIVA XOVE

CONSELLERÍA DE TRABALLO E BENESTAR


Obxecto e finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras que deberán rexer os procedementos de concesión de axudas enmarcadas no programa Iniciativa Xove para a posta en marcha de iniciativas xuvenís, entendidas estas como proxectos liderados pola mocidade da Comunidade Autónoma de Galicia, que se desenvolvan durante o ano 2014, e nos cales as persoas novas sexan as verdadeiras protagonistas, que participarán activamente na planificación e na realización das actividades deseñadas por elas mesmas, e convocar estas axudas.
Para os efectos desta orde, considéranse áreas de atención prioritarias que se desenvolverán mediante as iniciativas xuvenís as seguintes:
a) Iniciativa Xove Emprendedora: proxectos que lle permitan á mocidade concretar as súas ideas no ámbito do emprendemento e da empregabilidade.
b) Proxectos de fomento de actitudes creativas, innovadoras, participativas e de liderado da xuventude na súa comunidade e no seu contorno, así como de fomento da accesibilidade de mozos e mozas con discapacidade a actividades culturais e de lecer.
c) Proxectos que permitan a participación en experiencias de educación non formal en distintos campos.
d) Proxectos relacionados coa creación de espazos para a comunicación e coas novas tecnoloxías.
e) Proxectos que fomenten a participación e a dinamización das mulleres novas galegas para que colaboren activamente na toma de decisións, na xestión e na execución desde o asociacionismo ou desde os grupos informais.
2. A finalidade das subvencións é fomentar e consolidar a participación libre e eficaz da mocidade no desenvolvemento político, social, económico e cultural, así como promover a adecuada utilización do lecer, a calidade de vida e o benestar dos mozos e mozas da nosa comunidade autónoma, a través de proxectos integrais e específicos de actuación.
Persoas destinatarias
Poderán solicitar a axuda, ao abeiro destas bases reguladoras:
a) Os grupos informais de mozos e mozas que desexen realizar unha iniciativa xuvenil e que reúnan os requisitos establecidos no artigo 4 desta orde.
b) As asociacións xuvenís e as entidades que lle presten servizos á mocidade que carezan de interese de lucro, e as súas respectivas federacións, sempre que, no caso destas últimas, o proxecto que presenten non sexa o mesmo que o de cada unha das asociacións/entidades que as conforman.
Prazo de solicitude: ata o 15 de maio de 2014.