lunes, 10 de marzo de 2014

CONVOCATORIA DE PROBAS DE ACCESO A CICLOS FORMATIVOS DE GRAO MEDIO E SUPERIOR DE FORMACIÓN PROFESIONAL

CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA


Obxecto e ámbito de aplicación: Esta orde ten por obxecto a regulación das probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio e de grao superior de formación profesional no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, para o ano 2014.

Probas de acceso a ciclos formativos de grao medio
Requisitos das persoas participantes:Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao medio as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e teñan dezasete anos ou os fagan no ano natural de celebración da proba.
Datas e lugares de inscrición: A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo I, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao medio irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2013/14. O prazo de presentación estará abranguido entre os días 31 de marzo e 11 de abril de 2014, ambos os dous incluídos.
Realización da proba:  As probas de acceso aos ciclos de grao medio terán lugar o día 4 de xuño de 2014 no horario que se indica deseguido:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 10.00 ás 13.00 horas: parte matemática e parte sociolingüística.
– Das 16.00 ás 18.00 horas: parte científico-técnica.
As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.
Probas de acceso a ciclos formativos de grao superior
Requisitos das persoas participantes: Poderán participar na proba de acceso aos ciclos formativos de grao superior as persoas que non cumpran os requisitos académicos exixidos para acceder a eles e estean nalgunha das seguintes situacións:
a) Ter dezanove anos ou facelos no ano natural de realización da proba.
b) Facer ou ter feitos os dezaoito anos no ano natural de realización da proba, e dispor dun título de técnico que pertenza a algunha familia profesional incluída na opción a que se opta, consonte o que se establece no anexo VII.
Datas e lugares de inscrición: A solicitude de inscrición, segundo o modelo do anexo II, para as probas de acceso aos ciclos formativos de grao superior irá dirixida ao director ou á directora de calquera centro docente público da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria que imparta ciclos formativos de formación profesional no curso académico 2013/14 (agás no CIFP Rodolfo Ucha Piñeiro). O prazo de presentación estará abranguido entre os días 10 e 21 de marzo de 2014, ambos os dous incluídos.
Realización da proba: A estrutura e a organización da proba están definidas no artigo 39.3 do Decreto 114/2010. As probas de acceso aos ciclos de grao superior terán lugar o día 7 de maio de 2014 no horario que se indica deseguido:
– Ás 9.00 horas: presentación.
– Das 10.15 ás 13.30 horas: parte común da proba (Matemáticas, Lingua Galega e Lingua Castelá).
– Das 16.00 ás 18.30 horas: parte específica da proba (materias específicas da opción vinculada ao ciclo formativo ao que se desexe acceder, segundo o anexo VII desta resolución).
As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e a copia da folla da solicitude de inscrición.