martes, 1 de octubre de 2013

135 BOLSAS FORMATIVAS PARA A REALIZACIÓN DE PROXECTOS DE MELLORA DE PEMES

INSTITUTO GALEGO PROMOCIÓN ECONÓMICA


Obxecto: a concesión de 135 de bolsas para a realización de prácticas formativas incardinadas en programas de mellora nas pemes galegas, segundo o plan formativo do anexo III destas bases, coa finalidade de formar a titulados universitarios en diversas áreas relacionadas coa profesionalización e desenvolvemento estratéxico da empresa. Entre outros:
• Optimización financeira/mellora do circulante.
• Profesionalización da produción.
• Relanzamento comercial.
• Xestión por procesos.
• Imaxe e comunicación empresarial.
• Construción dun proxecto de futuro e plan de mellora empresarial.
• Desenvolvemento de plans de acción.
• Identificación e desenvolvemento de redes de cooperación e socios.
• Innovación na empresa.
• Desenvolvemento do capital humano.
• Execución de vixilancia tecnolóxica/intelixencia competitiva.
Os titulados incorporaranse, en primeiro lugar, a un itinerario formativo especificamente deseñado para a participación no programa, e, a continuación, realizarán prácticas formativas baixo a tutela de axentes colaboradores do Igape en proxectos de mellora a implantar en pequenas e medianas empresas, período en que recibirán formación e titorización directamente por parte do axente colaborador.
Requisitos dos solicitantes: Poderán presentar solicitude para acollerse a estas bolsas aqueles titulados que cumpran os seguintes requisitos:
1.- O cumprimento dalgunha das seguintes condicións:
– Ter veciñanza administrativa en Galicia cunha antigüidade superior a 24 meses.
– Ser natural de Galicia.
– Ser fillo ou descendente en liña directa ata o terceiro grao, de emigrantes galegos no exterior.
2.- Cumprir os requisitos do artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, para ser considerado beneficiario de subvencións.
3.- Estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións universitarias na data en que finaliza o prazo de presentación de solicitudes: Física, Enxeñaría, Matemáticas, Química, Ciencias Económicas e Empresariais, Administración e Dirección de Empresas, Ciencias Empresariais, Economía e Dereito. A titulación deberá terse obtido con posterioridade á data indicada na resolución de convocatoria.
Os títulos obtidos no estranxeiro ou en centros privados españois deberán estar homologados polo Ministerio de Educación español na data en que finalice o prazo de presentación de solicitudes.
Prazo de solicitude: ata o 1 de novembro de 2013.