martes, 24 de abril de 2012

PROGRAMA DAS INICIATIVAS EMPRENDEDORAS E DE EMPREGO (I+E+E)

CONSELLERIA DE TRABALLO E BENESTAR

ORDE do 15 de marzo de 2012 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2012.

Fixar as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2012 do Programa de fomento das iniciativas emprendedoras e de emprego promovidas por persoas desempregadas, coa finalidade de xerar emprego estable, principalmente entre os mozos e as mulleres, apoiando e dinamizando o desenvolvemento de novas iniciativas empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia, con especial atención aos concellos do rural galego.

O Programa de fomento das iniciativas emprendedoras e de emprego (I+E+E) inclúe os seguintes tipos de axudas:
a) Subvención á xeración de emprego estable.
b) Subvención financeira.
c) Subvención para asistencia técnica
d) Subvención para o inicio da actividade.
e) Subvención para a conciliación da vida persoal, laboral e familiar das persoas promotoras.

O prazo xeral para a presentación de solicitudes das axudas deste programa finalizará o 30 de setembro de 2012 e respectaranse, en todo caso, os prazos específicos previstos para cada tipo de subvención.

Nos prazos específicos para a presentación das solicitudes de subvencións, establecidos nos artigos 6.5 e 7.4 desta orde, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da alta na Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional. Se o último día de prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

Beneficiarios:

As empresas privadas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens, sociedades civís, sociedades cooperativas e sociedades laborais, sempre que cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas cales concorran, na data do seu inicio de actividade, as seguintes circuntancias:

Requisitos:

a) Que sexan empresas de nova creación.
b) Que sexan viables técnica, económica e financeiramente.
c) Que xeren emprego estable para persoas desempregadas.
d) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo nun concello de Galicia.
e) Que sexan promovidas, como máximo, por cinco persoas e que entre os socios ou as socias promotoras non figure ningunha persoa xurídica.
f) Que a empresa teña un capital social máximo de 120.202 euros.
g) Que como mínimo o 50% do seu capital social sexa de titularidade dos promotores e promotoras que sexan persoas desempregadas que creen o seu propio posto de traballo na empresa.