miércoles, 13 de abril de 2011

AXUDAS PARA A PREVENCIÓN E DEFENSA CONTRA INCENDIOS FORESTAIS EN MONTES VECIÑAIS EN MAN COMÚN


Obxecto: Establecer as bases reguladoras da concesión de subvencións que os titulares de montes veciñais en man común e as súas agrupacións poderán percibir para a posta en marcha de actuacións preventivas previstas na lexislación galega sobre incendios forestais e a súa convocatoria para o ano 2011, no réxime de concorrencia competitiva.
De acordo co devandito obxecto establécense dúas liñas de subvencións:
a) Liña I: subvencións para o control selectivo de combustible.
b) Liña II: subvencións para a construción de puntos de auga.
O disposto nesta orde será de aplicación aos montes veciñais en man común da Comunidade Autónoma de Galicia, excepto aqueles que estean consorciados coa Administración, salvo que solicitasen a rescisión do dito consorcio ou o seu paso a convenio con anterioridade á publicación desta orde. No caso de montes consorciados coa Xunta de Galicia poderá solicitarse subvención naquela superficie non consorciada.
Beneficiarios:Poderán ser beneficiarios destas subvencións os titulares de montes veciñais en man común así como as súas agrupacións e mancomunidades, sempre que non incorran en ningunha das circunstancias previstas no artigo 10.2º da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.
No caso de agrupacións deberán facerse constar os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación. Cando se trate de agrupacións sen personalidade, deberán facerse constar expresamente, tanto na solicitude coma na resolución de concesión, os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como a porcentaxe de subvención que percibirá cada un deles, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. En calquera caso, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes suficientes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 35 e 63 da Lei 9/2007.
Requisitos:
As CMVMC deberán estar legalmente constituídas e regulamentariamente inscritas no rexistro provincial de montes veciñais en man común, de acordo co disposto no artigo 57 do Decreto 260/1992, do 4 de setembro, para poder acceder a estas subvencións.
A superficie forestal mínima por expediente será de duascentas cincuenta hectáreas (250 ha). Para acadar a superficie as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) poderán formar agrupacións, as cales terán que ser estremeiras ou pertencer a un mesmo distrito forestal e sempre pertencer a unha mesma provincia.
Excepcionalmente, no caso de que a CMVMC, mancomunidade ou algunha das CMVMC que integren a agrupación estivese localizada nalgún espazo declarado como zona de especial protección dos valores naturais, segundo o recollido no Decreto 72/2004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como zonas de especial protección dos valores naturais (DOG nº 69, do 12 de abril) a superficie mínima a que fai referencia o primeiro parágrafo sería de 100 ha.
Prazo de presentación de solicitudes: 14/04/2011 ao 13/05/2011