viernes, 25 de marzo de 2011

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA



Obxecto:Realizar a convocatoria, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, e establecer o procedemento para a avaliación e a acreditación das competencias profesionais adquiridas polas persoas a través da experiencia laboral ou de vías non formais de formación, ao abeiro do Real decreto 1224/2009, do 17 de xullo, de recoñecemento das competencias profesionais adquiridas pola experiencia laboral, mediante a acreditación de unidades de competencia do Catálogo Nacional de Cualificacións Profesionais.
O desenvolvemento do proceso terá lugar nos centros integrados de formación profesional (CIFP) recollidos no anexo II desta orde.
Beneficiarios:
Os traballadores e as traballadoras en activo ou en situación de desemprego sen acreditación oficial da súa competencia profesional e cunha experiencia profesional de polo menos tres anos completos nos últimos 15 anos.
Requisitos:
a) Posuír a nacionalidade española, dispor do certificado de rexistro de cidadanía comunitaria ou da tarxeta de familiar de cidadán da Unión Europea, ou ser titular dunha autorización de residencia ou de residencia e traballo en España en vigor, nos termos establecidos na normativa española de estranxeiría e inmigración.
b) Ter 20 anos cumpridos no momento de realizar a inscrición, para unidades de competencia correspondentes a cualificacións de nivel II e III, obxecto desta convocatoria.
c) Ter experiencia laboral e/ou formación relacionada coas competencias profesionais que se queiran acreditar.
c.1) No caso de experiencia laboral, xustificar polo menos tres (3) anos, cun mínimo de 2.000 horas traballadas en total, nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria.
c.2) No caso de formación, xustificar polo menos 300 horas nos últimos dez anos transcorridos antes de realizarse a convocatoria. Nos casos en que os módulos formativos asociados á unidade de competencia que se pretenda acreditar prevexan unha duración inferior, deberanse acreditar as horas establecidas nestes módulos.
d) As persoas candidatas non poderán estar matriculadas nin cursando simultaneamente un curso de formación profesional inicial (ordinario ou modular), nin para o emprego conducente á acreditación das unidades de competencia en que soliciten a súa inscrición. Tampouco poderán ter completado un curso de formación profesional inicial nin de formación para o emprego polo cal teñan dereito á acreditación directa das mesmas unidades de competencia que agora se convocan. Para todo isto, presentarán declaración xurada, segundo o modelo que figura como anexo IV desta orde de convocatoria.

As persoas maiores de 25 anos que cumpran os requisitos de experiencia laboral ou formativa indicados na alínea anterior e que non poidan xustificalos mediante os documentos sinalados, poderán solicitar a súa inscrición provisional no procedemento, sempre e cando presentaran a xustificación mediante algunha proba admitida en dereito, da súa experiencia laboral ou das aprendizaxes non formais de formación. A Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa nomeará unha comisión que se encargará de estudar estes casos, e emitirá un informe sobre a procedencia ou non da participación da persoa candidata no procedemento. Se o informe é positivo, procederase á inscrición definitiva.