jueves, 18 de abril de 2024

OBRADOIRO DE EMPRENDEMENTO COOPERATIVO NO MEDIO RURAL

 


Convocamos a todas as persoas emprendedoras que están ou desexan iniciar un negocio no medio rural de Galicia a participar no Obradoiro de Emprendemento Cooperativo no Medio Rural que se desenvolverá ao longo de cinco xornadas (martes pola mañá), comezando o día 7 de maio (martes) e rematando o 4 de xuño (martes) mediante videoconferencia. Nestas cinco xornadas, trataremos de abordar en detalle aspectos como a adaptación a un traballo no rural, como validar as ideas de negocio no rural, os aspectos claves para emprender en cooperativas e as axudas ás que se pode aceder, como realizar unha análise de viabilidade do proxecto para rematar avaliando as novas oportunidades de negocio que se están a poñer en marcha no medio rural de Galicia.

 

O Consello Reitor da Unión de Cooperativas AGACA desexa ofrecer ás persoas que van a emprender unha actividade agrícola, gandeira ou florestal uns coñecementos e unha información básica para que procedan a dar os pasos económicos, produtivos e organizativos coa maior seguridade posible.  É necesario facilitar o emprendemento coa finalidade de que os proxectos se consoliden e teñan éxito.

 

Por tanto, no marco das axudas da Rede Eusumo, convocamos este Obradoiro para tratar de informar, posibilitar, asesorar e orientar ás persoas con interese en emprender no rural. Neste Obradoiro intervimos os técnicos de AGACA que habitualmente acompañamos aos proxectos emprendedores, e que compartimos cos mesmos os coñecementos que temos dos mercados e as súas tendencias, as axudas públicas, os aspectos organizativos claves, etc… Achegamos programa previsto.

 

Para poder asistir e participar no Obradoiro de Emprendemento Cooperativo no Medio Rural é preciso inscribirse previamente no seguinte enlace

https://us06web.zoom.us/meeting/register/tZ0tfuihrDoiGt2LzQrqdYFtY6Y8ewmF9gZX#/registration

SERVIZOS DE ASESORÍA A COOPERATIVAS, CUMAS E SATS

 


Servizos de Asesoría a COOPERATIVAS, CUMAS e SATs nas áreas fiscal, contable, laboral e administrativa, ás entidades situadas en calquera lugar da nosa Comunidade Autónoma.

 

Ofrecemos servizos de orientación, asesoramento e tramitación de subvencións para o acompañamento das empresas e asociacións, dende a súa constitución ata a posible disolución e liquidación. Estamos especializados no sector agroalimentario e gandeiro, así como no resto de empresas doutros sectores, especialmente en sociedades cooperativas (de toda clase: agrarias, de traballo asociado, de explotación comunitaria da terra, de consumidores e usuarios, de servizos, …), cumas de maquinaria agrícola e sats agrícolas e gandeiras. Tamén prestamos apoios ás entidades da Economía Social, especialmente as Comunidade de Montes Veciñáis e ás Asociacións de Veciños, ou ás Asociación Profesionais e/ou Sectoriais vinculadas cunha profesión ou sector produtivo concreto. As entidades colectivas tamén necesitan dunha xestión profesional e cercana aos responsables e dirixentes.

 

Coñecemos a súa fiscalidade singular, os aspectos administrativos e legais de xestión, os sistemas e obrigas dos diferentes rexistros, as obrigas de actualización á lexislación e procedimentos, así como os trámites para a constitución, renovación de cargos, para afrontar problemas sociais, disolución e liquidación. Prestamos apoios en todo tipo de axudas, pero especialmente ás que regularmente poden beneficiar a este tipo de entidades, e mantemos un servizo de información constante de axudas vixentes de interese das entidades asesoradas.

 

Somos un equipo de persoas asesoras altamente cualificado, en continua formación e cunha dilatada experiencia, garantindo a calidade en todas as áreas dentro da estrutura interna de cada empresa e asociación. O noso obxectivo é a seguridade e confianza dos nosos clientes, que fan de AGACA un asesor moi apreciado no sector agrario e gandeiro durante os máis de 30 anos de servizos prestados e miles de asesoramentos realizados. Ademais, Agaca conta co departamento de seguros onde destacamos na profesionalidade e calidade do servizo.

 

Póñase en contacto connosco nos teléfonos 982 201514 de Lugo, no 988 242480 de Ourense, no 981 584783 de Santiago, ou veña a visitarnos en Poeta Noriega Varela, 30 Ent A da cidade de Lugo e cóntenos as súas necesidades de apoio, asesoramento e acompañamento. E se vostedes o consideran oportuno, comenzaremos os trámites necesarios para dar apoio á xestión integral da súa empresa, comunidade ou asociación.

 

Ter un asesoramento que coñeza o tipo de entidades axudará a resolver problemas e avanzar.

 

XORNADA DE PRODUCCION DE COGOMELOS

 A busca de alternativas produtivas agroforestais en Galicia e a súa posible cooperativización é unha inquedanza constante que o Consello Reitor da Unión de Cooperativas AGACA desexa ofrecer ás persoas que conforman as nosas cooperativas agroalimentarias e o tecido emprendedor no rural galego. É necesario facilitar alternativas produtivas que xeren ingresos para as persoas do noso medio rural, ou mesmo que sexan actividades agroforestais complementarias ás tradicionais actividades silvopastorís.

 

Por tanto, no marco das axudas da Rede Eusumo, convocamos a Xornada de PRODUCIÓN DE COGOMELOS que se desenvolverá online o día 26 de abril. Esta Xornada é para tratar de informar, posibilitar, asesorar e orientar ás persoas con producións e/ou inquedanzas nesta actividade coa finalidade de obter ingresos económicos da mesma de xeito que sexa unha saída económica e/ou laboral no medio rural, ou mesmo para complementar ingresos de actividades que xa están a desenvolver no mesmo. Na Xornada interveñen expertos neste ámbito, e mesmo persoas que nos contarán a súa experiencia na produción de cogomelos: mercados, tendencias, tratamento de enfermidades, axudas e apoios, aspectos técnicos, …. Achegamos programa previsto.

 

Para poder asistir e participar na Xornada PRODUCIÓN DE COGOMELOS é preciso inscribirse previamente no seguinte enlace

https://us06web.zoom.us/meeting/register/tZMlde2trDwoH9Q4eqblRBX2YAa8rgMYAgLo#/registration

 

¡Fáganlle chegar esta información sobre a Xornada ás persoas que vostedes coñezan potencialmente interesadas nesta actividade!

SUBVENCIÓNS ÁS GALERÍAS DE ARTE PARA A PARTICIPACIÓN EN FEIRAS E MERCADOS DE ARTE FÓRA DE GALICIA 2024

 CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN, FORMACIÓN PROFESIONAL E UNIVERSIDADES

ORDE do 27 de marzo de 2024 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, e se convocan para o ano 2024 (código de procedemento CT215C).

Finalidade
1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras do procedemento de concesión de axudas ás galerías de arte que desenvolvan a súa actividade no ámbito da Comunidade Autónoma galega, para facilitar a súa participación en feiras e eventos do sector que teñan lugar entre decembro de 2023 e novembro do ano 2024 fóra da Comunidade (código de procedemento CT215C).
2. Para os efectos destas bases, enténdense como galerías de arte as persoas físicas ou xurídicas que teñan como actividade principal a exposición aberta ao público de obras de arte cunha finalidade comercial. A Dirección Xeral de Cultura poderá solicitar a acreditación desta circunstancia, de consideralo necesario.

Persoas beneficiarias
1. Dentro dos límites orzamentarios, e de acordo coas condicións e criterios que se establecen, poderán ser beneficiarias das axudas convocadas por esta orde as persoas físicas ou xurídicas, dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e cumpran cos seguintes requisitos:
a) Ter asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade Autónoma de Galicia entre o 1 de decembro de 2023 e o 30 de novembro de 2024.
b) Estar dado de alta no imposto de actividades económicas na actividade para a cal solicitan a subvención.
c) Inscrición como profesional dos asistentes á feira ou mercado.
d) Acreditar a relación dos asistentes coa empresa, mediante contrato ou declaración do titular da empresa beneficiaria.
2. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas recollidas nesta orde aquelas persoas ou entidades solicitantes en que concorra algunha das prohibicións establecidas nos termos previstos nos números 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.
Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo é inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes do vencemento non hai día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. A solicitude irá dirixida á Dirección Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.

CURSOS DE FORMACIÓN ESPECÍFICA DE SOCORRISMO EN INSTALACIÓNS E ESPAZOS ACUÁTICOS NATURAIS

 ACADEMIA GALEGA DE SEGURIDADE PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 15 de abril de 2024 pola que se convocan dúas edicións do curso de formación específica de socorrismo en instalacións e espazos acuáticos naturais, destinado ás persoas interesadas no desenvolvemento do exercicio profesional de socorrismo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Actividades formativas
As actividades formativas serán as que se especifican no anexo II desta resolución, no cal se indica tamén, de ser o caso, o número de edicións por curso, o número de horas lectivas, o número de prazas, as datas de realización e os horarios dos distintos cursos. As actividades formativas terán preferentemente horario de mañá e tarde.
Os cursos convocados realizaranse na Academia Galega de Seguridade Pública (rúa Cultura, s/n, A Estrada, Pontevedra), sen prexuízo de que algunhas actividades formativas concretas ou módulos destas se poidan facer fóra das súas instalacións.
De ser o caso, as persoas seleccionadas nas diferentes actividades formativas serán notificadas por correo electrónico de calquera outra información necesaria.

Contido das actividades formativas
O contido das diferentes actividades formativas convocadas pola presente resolución pode consultarse na páxina web da Academia Galega de Seguridade Pública (http://agasp.xunta.gal) na epígrafe «Formación de colectivos».

Destinatarios/as
Persoas interesadas no desenvolvemento do exercicio profesional de socorrismo na Comunidade Autónoma de Galicia.

Requisitos de participación dos/das solicitantes
1. Requisitos xerais:
a) Persoas maiores de idade en posesión do título de graduado/a en educación secundaria obrigatoria.
b) Non estar inscrito de forma definitiva na sección ou seccións correspondentes do Rexistro Profesional de Socorristas Acuáticos de Galicia.
2. Proba específica:
Superar a proba específica «combinada con aletas», que constitúe o primeiro módulo formativo dos cursos convocados e que se regula na base novena desta convocatoria.
3.Requisitos físicos/psíquicos:
Os/as solicitantes deberán acreditar que non padecen enfermidade nin están afectados/as por limitación física ou psíquica incompatible coa realización das accións formativas ou co desempeño das funcións correspondentes ao curso a que se opta, mediante declaración que se efectuará xunto coa solicitude de matrícula no curso, e será obriga de cada alumno/a poñer en coñecemento da Agasp calquera alteración relacionada con esta.

Solicitudes
a) O persoal que desexe participar nos cursos convocados nesta resolución deberá cubrir o formulario de matrícula telemática dispoñible na páxina web da Agasp (http://agasp.xunta.gal); non se admitirá ningunha outra forma ou modelo de solicitude.
É preciso que todas as persoas que desexen participar en cursos da Agasp manteñan actualizados os seus datos persoais, especialmente a conta de correo electrónico e o teléfono móbil, co obxecto de posibles comunicacións. No suposto de non seren correctos ou exactos tales datos, a Agasp non é responsable dos posibles prexuízos causados aos interesados.
b) As persoas que non sexan usuarias da páxina web da Agasp deberán previamente darse de alta nela, para o que é necesario facilitar unha conta persoal de correo electrónico.
c) En caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información poderán dirixirse á Agasp a través dos números de teléfono 886 20 61 37, 886 20 61 38 e 886 20 61 11 ou do enderezo de correo electrónico formacion.emerxencias.agasp@xunta.gal, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.
d) A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección das persoas aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en ningún outro curso durante o prazo dun ano computado desde o momento en que se detecte o feito.
e) Serán excluídas automaticamente aquelas solicitudes que non teñan cubertos correctamente todos os datos para realizar a selección do alumnado, non se axusten ao modelo normalizado ou sexan presentadas fóra de prazo.
f) Non está permitida a realización de cursos que teñan simultaneidade de horarios nunha ou varias sesións presenciais. Cando o alumnado teña coñecemento de que foi seleccionado para un curso que teña coincidencia horaria con outro no cal xa foi seleccionado, debe renunciar a un deles.
g) Se as solicitudes para participar nun curso non superan o 50 % das prazas convocadas, a Agasp reserva para si a facultade de anular a actividade formativa.

Prazo de inscrición
O prazo de inscrición será ata o 26 de abril de 2024 a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
No caso de que non haxa un suficiente número de solicitantes que reúnan os requisitos do curso, poderá completarse o alumnado asignado a este mediante a apertura dun novo prazo público de presentación de solicitudes na páxina web da Agasp, coa antelación posible en función da data do curso e para que teña lugar unha adecuada selección das persoas candidatas.

PROGRAMA CONECTA CO CAMIÑO 2024

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta co Camiño dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR930D).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta co Camiño para o ano 2024, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa cultura e a xeografía galega a través da realización de distintos tramos do Camiño de Santiago Portugués ata chegar a Compostela (código de procedemento PR930D).
2. Así mesmo, por medio desta resolución se convoca este programa para o ano 2024.
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán optar a este programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 18 e 20 anos na data de inicio do programa.
b) Non ter participado en edicións anteriores en ningún programa convocado pola Secretaría Xeral da Emigración.
c) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.
d) Ter a nacionalidade española.
e) Ter a súa residencia habitual no estranxeiro.
f) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE) cunha antigüidade mínima de 12 meses contados desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
g) Carecer de discapacidades que lle impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.
2. Ademais, no caso de optar ás prazas con financiamento do 100 %, o importe total dos ingresos e rendas que perciban todos os membros da unidade familiar do solicitante non poderá superar o límite da cantidade que resulte do dobre da base de cálculo da prestación por razón de necesidade aprobada no 2024 para o país de residencia, ou no caso de residir en Europa, do salario mínimo interprofesional no país de residencia para o ano desta convocatoria, multiplicado polo número de persoas que convivan menos unha.
As persoas interesadas que entendan que os ingresos da unidade familiar do solicitante supere ese tope, deberán optar por unha das prazas ofertadas na modalidade de copagamento conforme o especificado no anexo I desta convocatoria, e aboar, no prazo dos dez días seguintes á publicación da resolución de adxudicación das axudas, a cantidade de 800 € se residen en América, ou de 250 € se residen en Europa.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.

PROGRAMA CONCECTA CON GALICIA 2024

 PRESIDENCIA DA XUNTA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 8 de abril de 2024, da Secretaría Xeral da Emigración, pola que se regulan as bases que rexerán o procedemento de concesión de axudas para a participación no programa Conecta con Galicia, dirixido a mozos e mozas de orixe galega ou descendentes de persoas emigrantes galegas e que residan no exterior, e se procede á súa convocatoria para o ano 2024 (código de procedemento PR930A).

Obxecto
1. Esta resolución ten por obxecto aprobar as bases reguladoras polas que se rexerá a concesión das axudas correspondentes ao programa Conecta con Galicia para o ano 2024, que ten por finalidade facilitar á mocidade da Galicia exterior o contacto coa realidade galega e o encontro cos seus familiares (código de procedemento PR930A).
2. Así mesmo, por medio desta resolución convócase este programa para o ano 2024.
3. O procedemento de concesión destas axudas tramitarase en réxime de concorrencia competitiva, de acordo co establecido no artigo 19.1 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Persoas beneficiarias
1. Poderán optar a este programa os mozos e mozas que cumpran os seguintes requisitos:
a) Ter unha idade comprendida entre os 16 e os 17 anos durante todo o programa, isto é, deberán ter feitos os 16 anos ao inicio do campamento e non poderán cumprir 18 antes do 29 de xullo.
b) Non ter participado en edicións anteriores deste programa.
c) Ter nacido en Galicia ou ser descendente de persoa emigrante galega.
d) Ter a nacionalidade española.
e) Ter a súa residencia habitual no estranxeiro.
f) Atoparse vinculadas con calquera concello galego no padrón de españois residentes no estranxeiro (PERE), cunha antigüidade mínima de 12 meses contado desde o día de publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.
g) Saber nadar.
h) Non padecer enfermidade transmisible con risco de contaxio.
i) Carecer de discapacidades que lle impidan realizar a viaxe e participar con normalidade nas actividades do programa.

Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. De acordo co artigo 30.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e, se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último do mes.